9/07/09

Sevilla 1939


O noso proxecto do wolfram vai permitir documentar materiais inéditos realmente abraiantes. O fotógrafo que nos legou as fotos históricas dos submarinos alemáns na ría de Arousa é un combatente nacional que marchou á guerra coa súa cámara de fotos. O seu álbum é toda unha crónica da Cruzada. Aquí temos escenas impresionantes dun desfile da victoria en Sevilla... coa Lexión Cóndor sobrevoando o ceo.

Fotografías: Arquivo familiar de Jorge García García.

8/07/09

Borralla documental


Segue o sempiterno debate sobre a fiabilidade das fontes históricas. Moitos historiadores confían cegamente no documento como fósil que conserva a verdade; outros defenden a súa fiabilidade e renegan das fontes orais e arqueolóxicas (sempre tan subxectivas, como se as outras non o fosen). No caso do wolfram, a totalidade das cifras e datos oficiais están falseados, algo normal tendo en conta o contexto de non belixerancia do Estado franquista. Pero non se trata de dirimir vellas disputas gremiais senón de avanzar no coñecemento. Agora ben, que pasa cando os propios documentos son en si mesmos restos arqueolóxicos?

Fotografía: arquivo abandonado nas minas de wolfram da Borralha en Tras-os-Montes (Fot. Ecomuseo do Salto).

7/07/09

Arqueoloxía da Arquitectura


En Biduido d'Abaixo contamos cun exemplo soberbio de continuidade, que non superposición, de modelos arquitectónicos vencellados ao ensino público. A escola nacional de nenas erguida en 1902 polos emigrantes da parroquia n'a Habana. Obra fermosa de cantería tradicional, reproduce o modelo de casa que daquela estaba a inzar as beiras das estradas; moitas destas vivendas eran construídas por indianos e emigrantes retornados de Cuba, Uruguai ou Arxentina. Ao carón temos a escola franquista de 1958, erguida no seo do Plan Nacional de construcciones escolares. Arquitectura moderna, fascistoide. A Arqueoloxía da Arquitectura pode dicir moito sobre a implantación do Estado no rural (cuarteis da Garda Civil, escolas, cárceres, casillas de peóns camineiros). O arqueólogo arxentino Andrés Zarankin ten analisado espacialmente e dende un punto de vista diacrónico os diferentes modelos de escolas que se sucederon nunha zona de Buenos Aires dende meados do século XIX até o primerio terzo do XX. As conxunturas políticas, os cambios nas leis de educación, as mutacións nas mentalidades, todo iso se reflicte formal e espacialmente na arquitectura escolar. Velaí está a paisaxe galega chea de escolas de indianos, escolas franquistas e grupos esoclares xurdidos co EXB.

6/07/09

Da Terra de Lemos ao reino de Galicia



Podedes ver até o 27 de xullo a exposición Da Terra de Lemos ao Reino de Galicia na Casa da Cultura e na sé de Caixa Galicia en Monforte de Lemos. Un espectacular e excelente traballo de deseño expositivo da xente da empresa Terceira Persoa. Un achegamento ao mundo medieval galego que amosa ben ás claras unha eiva aínda sen subsanar neste país: a ausencia real dunha Arqueoloxía medieval en Galicia. No discurso historiográfico que alicerza a exposición bótase manda das fontes documentais mentres determinados elementos emblemáticos da cultura material detallan aspectos concretos, a xeito de viñeta ilustrativa. Esta dependencia das fontes documentais, escritas pola elite letrada que detentaba o poder político, impide elaborar outras leituras dese pasado que abrangan a toda a sociedade. A Arqueoloxía semella non fornecer outros rexistros que coadxuden a escribir novos relatos e narrativas sobre a Idade Media. Unha carencia notable da Arqueoloxía deste país.

2/07/09

Neixón en Vimianzo


Recordámosvos que mañá no Auditorio da Casa de Cultura de Vimianzo ás 20:30 horas proxectarase o documental O'Neixón: historia viva dun castro, no marco das Xornadas de dinamización do Patrimonio.

Investigación wolframita


Trala súa presentación en sociedade o proxecto do wolfram comeza a coller corpo. Grazas a un amplo equipo de investigadores trataremos cuestións de Arqueoloxía de xénero, campos franquistas de redención de penas, loitas guerrilleiras, a confomación da élite capitalista durante os primeiros intres do Rexime, cadenas técnico-operativas, posta en valor, percepción da Modernidade, Patrimonio audioviusal... e tamén de ruínas arqueolóxicas. Se tedes algunha historia, dato, fotografía ou comentario ao respecto aquí estamos.

Fotografía: presentación do proxecto no IEGPS (fot. de Juan Anca)

1/07/09

Presentación


Mañá xoves ás 11:00 da mañá no salón de actos do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento daráse unha rolda de prensa para apresentar o proxecto de I+D+I Investigación etnoarqueolóxica da explotación do wolfram en Barbanza, que será executado entre 2009 e 2011 pola empresa de xestión cultural Alicerce e o Laboratorio de Patrimonio (IEGPS - CSIC).